Praguicidas e o mal da desaparición das abellas.
As abellas melíferas son imprescindibles para a nosa agricultura e son fundamentais na defensa da biodiversidade. A situación da apicultura en Galicia está a pasar un momento crítico, de igual modo que sucede no resto do mundo estando o sector hipotecado por unha redución alarmante da cabana apícola mundial, que ben precisa dunha reacción inmediata e determinante por parte das autoridades. Cómpre actuar na investigación urxente do efecto dos praguicidas xa que, ben poden estar actuando directamente, ou predispoñendo ás abellas a unha debilidade maior fronte ao ataque de determinados patóxenos. Dado o uso elevado de pesticidas no monte galego, en particular o que se fai no tratamento do gorgullo do eucalipto, que afecta a unhas 100.000 ha ., e para o que se poderían estar empregando de maneira xeneralizada e sen homoxeneización de protocolos de aplicación uns 50.000 litros do axente químico flufenoxuron, non se debería desprezar o seguimento rigoroso, tan sequera alí onde morren as abellas. Se o habitual nestes anos foi escoitar que varias enfermidades tiñan en xaque aos apicultores, agora a situación agrávase e tórnase máis incerta aínda. O chamado Síndrome do Colapso das Colmeas ou desaparición das abellas (CCD) desbarata os efectivos da colonia (entre 30.000 e 80.000) quedando reducida á mínima expresión da súa estrutura, coa súa abella mestra e un pequeno grupo de abellas insuficientes para manter a funcionalidade deste superorganismo social. Dicía o nobel de literatura M. Maeterlinck que “ na colmea o individuo non é nada; non ten máis que unha existencia condicional; non é máis que unha fracción indiferenciada, un elemento inmaterial da especie. Toda a súa vida é un sacrificio total ó ser múltiple e perpetuo do que forma parte”. O apicultor aprecia unha progresiva redución da actividade dentro do apiario, e algunhas colmeas sucumben ante o despoboamento sucesivo dos seus ocupantes ate chegar o colapso da colmea, que curiosamente garda a despensa chea de reservas.
A Comisión Europea vén de presentar unha comunicación sobre a saúde das abellas ((COM(2010)714, Bruselas 6.12.2010) na que se advirte precisamente desta grave situación e da necesidade de actuar. Fai referencia ás conclusións da Axencia Europea de Seguridade Alimentaria (EFSA) no ano 2009, na que expón que entre os factores involucrados na causa do descenso da poboación de abellas, referíndose ás enfermidades e pragas apícolas, debe tamén considerarse o risco de intoxicación por exposición a praguicidas.
Así por exemplo, no estudo do ano 2009 realizado polo Laboratorio de Investigación das Abellas do Departamento de Agricultura dos Estados Unidos en colaboración, entre outros, coa Universidade de Pensilvania, analizáronse mostras procedentes de colmeares repartidos por 23 estados do país e dunha provincia do Canadá, constatándose a presenza de altos niveis de praguicidas , con ata 98 tipo de sustancias distintas, e poñendo de manifesto a necesidade de estudar a súa posible relación co síndrome da desaparición das abellas.
Así por exemplo, no estudo do ano 2009 realizado polo Laboratorio de Investigación das Abellas do Departamento de Agricultura dos Estados Unidos en colaboración, entre outros, coa Universidade de Pensilvania, analizáronse mostras procedentes de colmeares repartidos por 23 estados do país e dunha provincia do Canadá, constatándose a presenza de altos niveis de praguicidas , con ata 98 tipo de sustancias distintas, e poñendo de manifesto a necesidade de estudar a súa posible relación co síndrome da desaparición das abellas.
Entre tanto, varias multinacionais agroquímicas atópanse no allo dunha polémica polo seu incesante lobby de presión en América e Europa e o contrafinanciamento de investigacións tentando afastar a atención lonxe dos seus produtos. Nesta destaca, por saír a luz no xornal New York Times, a compañía Bayer Crop Science, subsidiaria da famaceútica Bayer, principal fabricante de pesticidas neonicotinoides, que actúan sobre o sistema nervioso, por proporcionar un financiamento considerable para o investigador principal dun estudo que os desvincula desta letal afección ás abellas.
Máis tamén temos o caso “Wiki-bees”, ao máis puro estilo das filtracións Wikileaks, bautizado así en internet polo seu autor Tom Theobald, que di posuír documentos que proban que a Axencia de Protección Ambiental de EE.UU (EPA) sabe a ciencia certa das conexións entre os pesticidas e o síndrome das abellas. Entre as sustancias relacionadas neste desastre atópase o neonicotinoide coñecido coma clotianidina, clasificada agora nos Estados Unidos como altamente tóxica para as abellas. Sexa ou non así, o que sí é chamativoo é que a Comisión Europea vai impulsar unha investigación sobre os efectos destas sustancias neonicotenoides, cando ademais máis de un millón de sinaturas xa foron recollidas nos últimos meses en Europa e América pedindo a súa prohibición, e que en Francia Italia e Alemaña xa se teñen prohibido algunha destas sustancias letais para as abellas.